XXXII

- Hoxe temos connosco a Iago Loureiro. Quizais este nome non lles diga nada, de momento, pero en seguida han ver por que veu ao programa esta noite. Iago, benvido.

- Grazas. Boa noite.

- O teu oficio é escribir. Pero es un deses escritores aos que ninguén coñece, dos que nin sequera asinan os seus traballos.

- Así é, dedicábame a facer textos políticos. Discursos e cousas así.

- Pero non é por iso que hoxe estás aquí. Iago apostou hai un tempo, señores espectadores, que era capaz de escribir unha novela en trinta días. Eu, entre outras persoas, fun testemuña.

- Certo..

- E perdiches a aposta.

- Ben, gustaríame explicar iso. Efectivamente un grupo de persoas entre as que te atopabas aproveitou que estaba borracho para pórme en evidencia. De feito, aquela noite fun detido logo de sufrir un pequeno accidente de tráfico cando aínda estaba baixo os efectos do alcohol. Non me preocupa recoñecelo. Hai pouco que me condenaron por iso.

- Ben, pero iso non implica...

- Si. Si que implica moitas cousas. Entre outras, como persoas destacadas e de renome son capaces de aproveitar unha debilidade, por outra parte tan humana, para rirse dunha persoa. Creo non terlle feito mal a ningún deles, polo que me parece aínda máis noxenta a súa conduta. A túa tamén, Mamen. Nós eramos amigos, e sen embargo tráesme aquí, como espectáculo.Como se fose un mono de feira.

 - Ben. Eu non...

- Éme igual, sabes? Ademais, hai que rematar de contar a historia. Se o conseguía, o premio consistiría na edición do texto. En caso contrario, creo lembrar que foi o xornalista Fernando Pena, columnista do Ideal, o que tivo a idea de que asistira en coiros ao baile do casino, que por certo é o vindeiro sábado.

- Irás?

- Non, claro que non. Síntoo por Fernando Pena, que tanto interese tiña en verme espido. Outra vez será. Se cadra cando el saia do armario. Non me gustan os covardes.

- Ben, ese tipo de alusións...

- Non hai problema. Retiro o dito. Non quixen dicir covarde, senón hipócrita.

- Pois moitas grazas e...

- Non rematei. A cousa aínda deu para máis. Por causa desta parvada, entre outras cousas, perdín o traballo. Pero, ben, como non hai mal que por ben non veña, convertinme en axente literario. Se che parece oportuno, gustaríame presentar un libro que os espectadores non poden deixar de ler.

- Non é momento...

- Non pretendo que o lean agora. Só que o merquen. Titúlase Paco, estou ovulando escrito en forma de SMS, como poden ver aquí na portada, e conta, narrada pola propia protagonista, a triste historia persoal de Rosa Fole, a muller do conselleiro de agricultura a quen ti, Mamen, coñeces tan ben.

- Iago, non che consinto isto! Rematamos! Publicidade!





XXXIII

Francisco Barreiros tentou por todos os medios evitar a publicación do libro. Recorreu á vía xudicial para tratar de paralizar o proceso alegando que constituía un atentado contra a súa honra. Prevaleceu a liberdade de expresión. Ou, polo menos, iso pensou todo o mundo. Chus Cordeiro e máis eu opinamos de outro xeito...

A obra foi un verdadeiro acontecemento, esgotando edición tras edición. Á xente parece gustarlle recrearse nas miserias dos demais, sobre todo cando se trata de personaxes públicas e coñecidas.

Precisamente, ía camiño da editorial, en taxi, cando a radio transmitiu a noticia.

- O conselleiro de agricultura, Francisco Barreiros, dimitiu esta mañá do seu cargo. Fontes próximas ao goberno desmentiron que esta dimisión teña que ver coa recente publicación dun libro no que a súa muller, Rosa Fole, narra algunhas confidencias do matrimonio...

O taxista non perdeu ocasión.

- Valente fillo de puta o conselleiro este! E para iso lles pagamos o soldo! Había que collelos a todos e...!

Fixen coma se non estivera no allo.

- E logo, que pasou?

- E non sabe? Parece que maltrataba á muller, e que andaba fodendo en todas cantas podía! Mire o que lle digo, a metade destes, por un lado ensínanche os dentes, e por outro lado róubanche a carteira se poden.

- Bah! Non será para tanto.

- Que non? Son todos iguais.

- Todos non. Como este non debe haber moitos, afortunadamente.

- Si, pero, os que hai ben chegan.


CODA

Gústame cando, ao final dalgúns filmes, un narrador nos vai contando que foi da vida dos protagonistas. Xa saben. Fulano de tal, rematou condenado a trinta anos de prisión, dos que cumpriu quince na penitenciaría de tal, antes de saír en liberdade condicional... Mengano, montou unha orquestra e chegou a ser coñecido en todo o mundo grazas á súa habilidade co clarinete...

Apetéceme rematar así. O alcalde do meu pobo aínda o é, pero xa pechou a ferraxería logo de xubilarse. O meu curmán Fernando e Gueimóndez seguen, como eles din, a rascar os collóns na deputación. É un traballo ben pagado. De Lupe nunca se soubo. Tareixiña agora dirixe un servizo de axuda no fogar, e hai pouco que casou cunha antiga compañeira. Eu fun de testemuña. Mapi, imaxino que seguirá a ser tan eficiente, seria e inaccesíbel como sempre, pero non teño a menor idea de onde para.

Mamen pasou o mal trago inicial da divulgación da súa relación co conselleiro, e volveu para a capital do estado. Casou, separouse e volveu casar cun italiano executivo dunha cadea de televisión, a mesma onde presenta un programa polas mañás.

Chus é maxistrada nunha audiencia provincial, e a súa carreira parece imparábel. Coido que non tardará en chegar ao tribunal supremo.

Rosa estaba presente o día que finou a súa nai, e puido agarrarlle unha man. Conseguiu, por fin, o divorcio, e volveu para Inglaterra. Seguiu a traballar na mesma empresa, e agora os seus cartóns de visita poñen, debaixo do seu nome, Senior Vice President and General Counsel, que parece algo moi importante.

En canto a Francisco Barreiros, non só tivo que dimitir, senón que un comité disciplinario expulsouno do partido a instancias do sector máis integrista. Fíxose cargo dos negocios familiares á morte do seu pai, pero non parece ter madeira de empresario. Rumorease que as empresas van de mal en peor. Encabezou as listas dunha formación independente nas últimas eleccións, pero só obtivo trescentos setenta e tres votos en toda a provincia. Agora anda metido nun novo proxecto de partido.

Polo que a min respecta, non hai moito que contar. Ademais a miña filla Olaia acaba de espertar, así que remato. Teño que preparar a cea, e Rosa está a piques de chegar.


FIN

Sem comentários: